Club Alpino Ourensán

Rúa Bedoya 4, local 9. 32004 Ourense 

Tel.: 988 232 628  -  clubalpinoourensan@gmail.com

 
 Portada    Historia    Instalaciones    Estatutos    Reglamento electoral    Como asociarse  

 

Estatutos do club

 

Resolución 18.12.2007 do director Xeral para o Deporte

 

CAPITULO I

 

NORMAS XERAIS:

 

Artigo 1°

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda é unha Asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas, que teñen por obxecto exclusivo ou principal a practica dunha ou varias modalidades deportivas polos asociados, así como participación en actividades e competicións oficiais. O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda é unha Asociación sen ánimo de lucro.

 

Artigo 2°

O O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda practicará e fomentará os deportes de montaña ou de calquera outra modalidade deportiva que teña como denominador común a montaña en particular e o medio natural en xeral (montañismo, sendeirismo, escalada, espeleoloxía, bicicleta de montaña, orientación, esquí, descenso de barrancos, etc.) e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes. 

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda  solicitará  a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, de conformidade coa Lei Xeral do Deporte de Galicia  e estará adscrito as Federacións respectivas segundo as diferentes modalidades deportivas que se practiquen.

 

Artigo 3°

O domicilio Social do O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda fíxase na rúa Cruz Vermella n° 4 en Ourense co C.P. 32003, na provincia de Ourense e co teléfono 988 232 628.

O Presidente cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asamblea Xeral Extraordinaria. 

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda tamén conta cos seguintes locais e instalacións propias:

            -Refuxio de Montaña da Pena do Caldeiro na Estación Invernal de Manzaneda

 

 

CAPÍTULO II

 

CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGACIÓNS.

 

Artigo 4°

O número de socios será ilimitado. A Asamblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos socios cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións. 

Os socios poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e familiares.

 

Artigo 5°

Son socios de número tódalas persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral. 

Os menores de 18 anos, clasificaranse como socios Aspirantes, tendo dereito ó uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios de número ó cumpriren a maioría de idade. 

Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade. 

Son socios familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio de número e convivan con el no mesmo domicilio.

 

Artigo 6º 

6.1- Os socios de número terán os seguintes dereitos

6.1.1- Contribuír ó cumprimento dos fins específicos da asociación. 

6.1.2- Esixir que a Asociación se axuste ó disposto na normativa autonómica deportiva e ó establecido no presente Estatuto. 

6.1.3- Separarse libremente da Asociación. 

6.1.4- Coñece-las actividades da Asociación e examina-la súa documentación, previa petición razoada ó Presidente. 

6.1.5- Expor libremente as súas opinións no seo da Asociación. 

6.1.6- Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da Asociación, sempre que teña plena capacidade de obrar.   

6.1.7- Participar con voz na Asamblea Xeral 

6.1.8- Participar con voto na Asamblea Xeral  se pertence ó club por un período mínimo de dous anos ininterrompidos. 

6.2- Son obrigacións dos socios de número: 

6.2.1- Aboa-las cotas que esixa a Asamblea Xeral,  agás os socios honorarios que estarán exentos de pago 

6.2.2- Contribuír ó sostemento e difusión do deporte ou modalidades Deportivas. 

6.2.3- Acatar cantas disposicións dicte a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou  Presidente, para o bo goberno da sociedade. 

6.3- Os socios aspirantes terán dereito a gozar dos servizo e instalacións sociais da Asociación. 

6.4- Os familiares dos socios de número terán dereito a gozar daqueles servizo e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.

 

Artigo7º

Para ser admitido como socio, en calquera das súas modalidades, será necesario: 

7.1- Te la idade sinalada para cada unha delas.

7.2- Solicitude por escrito dirixida ó Presidente.

7.3- Satisface-la cota de ingreso correspondente. 

 

Artigo 8º

A condición de socio pérdese: 

8.1- Por vontade propia.

8.2- Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución do Presidente.

8.3- Por sanción disciplinaria, ratificada pola Asamblea Xeral

 

 

CAPITULO III

 

 

ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO

 

Artigo 9º

Son Órganos de representación e goberno do  Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda a  Asemblea Xeral e a Xunta Directiva

             

ASAMBLEA XERAL

Artigo 10º

10.1- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno da Asociación e estará integrada por tódolos seus socios.

10.2- Terán dereito a voto na Asemblea Xeral, aqueles socios maiores de idade presentes ou representados, que teñan máis de dous anos de antigüidade no Club e estean ao corrente no pagamento das cotas. 

10.3- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela, presentes ou representados a maioría dos seus asociados. En segunda e última convocatoria media hora máis tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderá transcorrer máis de 20.

 

Artigo 11º

A Asemblea Xeral convocarase polo Presidente a iniciativa propia ou do vintecinco por cento, ó menos, dos socios de número. 

11.1- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do Presidente, ó menos unha vez ó ano para tratar das seguintes cuestións: 

11.1.1- Memoria, liquida dación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede.  

11.1.2- Presuposto para o seguinte exercicio. 

11.1.3-  Proxecto e propostas do Presidente ou da Xunta Directiva. 

11.1.4-  Proposicións que formulen os socios e que terán de ir asinadas ó menos,polo cinco  por cento dos mesmos. 

11.1.5-  Rogos e Preguntas. 

11.2- Terá de se celebrar Asemblea Xeral Extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección do Presidente, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de   débeda ou de parte alícuota patrimonial, enaxenación de bens inmobles e fixación de cotas dos socios, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno polo Presidente ou proceda legalmente.

 

Artigo 12º

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

 

XUNTA DIRECTIVA

 

Artigo 13º

A Xunta Directiva é o órgano de representación e xestión da Asociación, e estará formada por Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e cando menos un Vocal representante de cada Sección.

 

Artigo 14º

Os membros da Xunta Directiva serán socios, maiores de idade, con pleno uso dos seus dereitos civís e que non estean incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos pola lexislación vixente. Deberán cumprir as obrigas que a Lei estableza para o seu cargo. O Presidente da Xunta Directiva nomeará e revogará os demais membros da Xunta Directiva. Todos os cargos serán gratuitos e carentes de interese nos resultados económicos do club por si mesmos ou persoa interposta.

 

Artigo 15º

15.1- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a  concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso do Presidente. 

15.2- A Xunta Directiva convocarase polo Presidente con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración. 

 

Artigo 16º

A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes tódolos seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.

 

Artigo 17º

O Presidente da Xunta Directiva é o Presidente do Club, e nomeará e revogará os demais membros da Xunta Directiva.

 

Artigo 18º

Os membros da Xunta Directiva deixarán de selo polas seguintes causas:

18.1- Renuncia voluntaria comunicada por escrito ao Presidente.

18.2- Por decisión do Presidente.

18.3- Por calquera causa que lles impida desempeñar as súas funcións.

 

Artigo 19º

Son facultades da Xunta Directiva as seguintes:

19.1- Executar os acordos e disposicións da Asemblea Xeral.

19.2- Elaborar e someter á aprobación da Asemblea Xeral a Memoria Anual, o Orzamento do exercicio e os Balances e contas do exercicio pechado.

 

O PRESIDENTE

 

Artigo 20º

O Presidente do Club será elixido cada catro anos, mediante sufraxio libre, directo e secreto na Asemblea Xeral polos socios con dereito a voto. O candidato a Presidente deberá ter unha antigüidade mínima de dous anos e non estar inhabilitado ou en proceso de inhabilitación para o devandito cargo. No caso de que só haxa un candidato, este será nomeado Presidente automaticamente. O cargo de Presidente é gratuito e carente de interese nos resultados económicos do club por si mesmos ou persoa interposta

 

Artigo 21º

O Presidente deixará de selo polas seguintes causas:

21.1- Por renuncia voluntaria.

21.2- Por finalización de mandato.

21.3- Por moción de censura.

 

Artigo 22º

As funcións do Presidente son:

22.1- Convocar, presidir e levantar as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

22.2- Dirixir as deliberacións e decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

22.3- Ordenar os pagamentos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia.

22.4- Representar legalmente á Asociación ante toda clase de entidades, organismos e institucións, públicas ou privadas.

22.5- Adoptar calquera medida urxente que resulte necesaria ou conveniente para o desenvolvemento da Asociación, sen prexuízo de dar conta posterior á Xunta Directiva.

22.6- Exercer o cargo de Presidente en funcións dende a finalización do sea mandato ata a resolución da convocatoria electoral correspondente.

 

O VICEPRESIDENTE

 

Artigo 23º

O Vicepresidente asistirá ao Presidente nas súas funcións. Actuará como Presidente en funcións en ausencia do Presidente.

 

TESOUREIRO

 

Artigo 24º

24.1- O Tesoureiro da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade. 

24.2- Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de tódolos asociados.

 

Artigo 25º

O Secretario da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de Rexistro de socios e Libro de Actas.

 

 

CAPITULO IV

 

 

RÉXIME DOCUMENTAL

 

Artigo 26º

O réxime documental da Asociación, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas e Contables.

 

Artigo 27º

No libro de Rexistro de Socios, terán de consta-los nomees apelidos dos socios de  número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan na Asociación. Tamén hanse especifica-las datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.

 

Artigo 28º

Nos libros de Actas, consignarase as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e o Secretario.

 

Artigo 29º

Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e  obrigacións, e ingresos e gastos da Asociación, debéndose precisa-la procedencia  daqueles e a inversión ou destino destes.

 

 

CAPITULO V

 

RÉXIME DISCIPLINARIO

 

Artigo 30º

Os Órganos e socios do Club estarán sometidos ó regulamento disciplinario do Club e ó disposto no Título VII da Lei 11/1997 Xeral do Deporte de Galicia e normativa de desarrollo. A Xunta Directiva elaborará normas de funcionamento interno que formarán parte dos denominados Regulamentos de Réxime Interno e que desenvolverán aquelas materias contempladas ou non, nos presentes Estatutos. Nonpoderán ir, en ningún caso, en contra do estipulado nos mesmos.

 

Artigo 31º

Así mesmo a Xunta Directiva responderá fronte os socios, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.

 

 

CAPITULO VI

 

 

RÉXIME ECONOMICO-FINANCIEIRO E PATRIMONIAL

 

Artigo 32º

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda,  someterase ó réxime do presuposto e patrimonio propio coas seguintes limitacións: 

32.1- Non poderá destina-los seus bens a fins industriais, comerciais, profesionais ou de servizo, nin exercer actividades de igual carácter co fin de repartir beneficios entre os seus socios. Os seus ingresos aplicaranse integramente á conservación do obxecto social. 

32.2- Poderán fomentar manifestacións de carácter físico deportivo dirixidas ó público en xeral, aplicando os beneficios obtidos ó desenvolvemento das actividades físicas e deportivas dos seus asociados. 

32.3- O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda, poderá gravar e ensinar bens inmobles, tomar cartos a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos: 

32.3.1-  Que se autoricen tais operacións por maioría de dous tercios dos socios presentes representados na Asemblea Xeral Extraordinaria. 

32.3.2-  Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo se poderá esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno ditame económico-actuarial. 

32.3.3-  Cando se trate de gravar ou enaxenar  bens inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a  autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

 

Artigo 33º

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda, poderá recibir libremente doazóns que non excedan da cantidade de 3.000 euros. No suposto de doazóns que superen esta  cantidade será necesaria autorización expresa da Secretaría Xeral para ó Deporte da Xunta de Galicia, previo informe da Federación correspondente.

 

Artigo 34º

34.1- O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda,  poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial.

34.2- Os títulos serán nominativos.

 

Artigo 35º

35.1- Os títulos inscribiranse nun libro que levará ó efecto a Asociación, no que se anotarán as sucesivas transferencias. 

35.2- En tódolos títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.

 

Artigo 36º

Os títulos de débeda só poderanse subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial ós socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.

 

Artigo 37º    

Os títulos de parte alícuota han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.

 

Artigo 38º

Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios.

 

 

CAPITULO VII

 

REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA SOCIEDADE

 

Artigo 39º

Os presentes Estatutos só se  poderán modificar, reformar ou derogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous tercios dos socios de número asistentes.

A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ó Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, os mesmos pasos administrativos que para a súa inscrición.

 

Artigo 40º

O Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda,  extinguirase ou disolverase por acordo de: 

40.1- Dos dous tercios dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ó efecto,  

40.2- por sentencia xudicial,  

40.3- por outras causas legalmente determinadas. En todo  caso haberá de ser notificado ó Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia.

 

Artigo 41º

Disolto o Club Alpino Ourensán - Club Alpino Manzaneda,  o remanente do seu patrimonio social, se houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente pola Secretaría Xeral para o Deporte.

           

 

 

FIN